TURISMO NUDISTA

14.11.2019

Está Galicia preparada para o turismo nudista? Hai algún aloxamento turístico galego no que se sexa normal ir en pelotas? Xa, xa, se cadra a idea pode semellar algo atrevida pero noutras latitudes si hai este tipo de hoteis nudistas!

Por exemplo, en México temos o Hidden Beach Resort, a uns 30 km de Cancún, así que a zona pinta ben. A principal característica xa a podedes imaxinar: un sitio exclusivo, só para persoas adultas e dispostas a saborear unha experiencia picante... ollo, falamos de gastronomía!!! O Karisma Gourmet fachandea dunha cociña artísticamente preparada con mellores ingredientes. Iso si, como adoita acontencer neste tipo de aloxamentos, hai unha normativa moi estrita para garantir unha estancia agradable, nas que o respecto é fundamental. Se tedes curiosidade, botade unha ollada AQUÍ.

Neste lado do charco, nas veciñas terras francesas atopamos outra oferta que vai tamén nesta liña de aloxamentos naturistas de 5 estrelas: Oz'Inn Hotel. Aquí hai 2 peculariedades, a primeira é que se ubica moi preto dun pobo e praia naturista, Cap d'Agde. A segunda é que contan con espazos para xuntanzas de negocios, tipo seminarios ou reunións de traballo... claro, aquí a dúbida é se nestes espazos tamén se practica o nudismo e, sentimos dicilo, no web no indica nada sobre isto. Unha curiosidade, cada 31 de decembro en Cap d'Agde celébrase o derrradeiro baño do ano... por suposto sen bañador, neopreno nin roupa algunha.

Imaxe do web do Hotel-Spa Oz'Inn

Pensar en aloxamentos naturistas en zonas de praia como Cancún ou a Costa Azul entra máis ou menos dentro do que unha persoa pode agardar cando falamos deste tipo de aloxamentos. O que xa nos sorprendeu foi descubrir que en Reino Unido, onde o tempo non axuda precisamente á idea de andar lixeiros de roupa, haxa un espazo coma o Clover Spa. Este hoteliño de Birmingham ofrece sobre todo servizos de Spa en plan masaxes, sauna ou tratamentos faciais. A verdade é que non semella ser ningunha marabilla, pero convén mencionalo porque se nas Illas Británicas hai aloxamentos deste tipo, sería tan raro pensar que en Galicia haxa algo deste estilo?

En España tamén hai hoteis onde se practica o nudismo, os máis deles nas illas (aquí Canarias gaña por motivos obvios) e nas zonas do sur e levante. O Vera Playa Club de Almería é un dos máis sona mesmo a nivel internacional, xa que é cun complexo turístico en toda regla e a verdade é que na oferta contempla un perfil de turista que abrangue tamén ás familias -ata hai actividades para rapazada-, pero podemos atopar aloxamentos en Fuerteventura, Gran Canaria, Coín ou Tarragona.

Fotografía do web de Vera Playa club Hotel

Cómpre mencionar que os hoteis non son o único tipo de aloxamento onde practicar nudismo, xa que existen campings ou pequenos aloxamentos rurais onde hai unha filosofía naturista, como o Costa Natura de Estepona, que tamén está moi orientado a un turismo en familia e que está pegadiño a unha praia nudista. Iso si, estará en Estepona pero a páxina web só contén información en inglés, o que xa nos indica a maior parte dos clientes son de terras ben lonxanas.

E para rematar, por se queredes saber onde hai praias nudistas en España, dende a Federación Española de Naturismo crearon este mapiña tan xeitoso: