TURISMO DE NAUFRAXIOS
A inmensidade da costa galega e o seu punto estratéxico nas comunicacións marítimas, combinado coa orografía e os temporais dese Atlántico indomable, fai que o noso mar sexa un lugar de frecuentes naufraxios.
Hai milleiros de pecios, moitos ben localizados aínda que os máis deles non foron estudados a nivel de investigación arqueolóxica subacuática... unha mágoa!
A documentación dos naufraxios é abundante, sobre todo a partir da aparición da prensa escrita como medio de masas. Mais non podemos esquecer que o pasado colonial español, tempos nos que os Reinos da Península Ibérica dominaban as navegacións trasatlánticas. Os Arquivos gardan boa testemuña disto, entre os que hai que salientar o Arquivo de Indias (declarado Patrimonio da Humanidade en 1987 por contar con xoias como textos de Cristóbal Colón, Magallanes, Vasco Núñez de Balboa ou Hernán Cortés) e o de Simancas. Estes arquivos conservan unha excepcional información de embarcacións, rutas, mapas, conflitos bélicos e naufraxios.
O turismo de naufraxios é aínda un campo de turismo pouco desenvolvido en Galicia e non é doado atopar propostas ben estruturadas, a pesar de que hai xa un bo feixe de empresas e entidades que habitualmente organizan actividades ligadas a este tipo de turismo.
Imos comezar distinguindo entre:
- Actividades en terra.
- Actividades en embarcación.
- Actividades
subacuáticas.
Fotografía do HMS Serpent
Actividades en Terra
Existen rutas de naufraxios, percorridos a pé ou bicicleta que pasan por espazos nos que houbo un ou varios naufraxios. Aquí cómpre mencionar a Ruta dos Naufraxios de Camariñas, que na súa páxina web permite consultar o itinerario e tamén información de cada un dos naufraxios, completada en ocasións por imaxes dos barcos e dos pecios. Como non pode ser doutro xeito, a ruta pasa polo Cemiterio dos Ingleses, testemuña material do naufraxio do Serpent. Para quen non lle apeteza facer a ruta a pé pola súa conta, hai empresas que organizan excursións por esta senda (Mar de Galicia).
Precisamente este cemiterio dos Ingleses é o espazo que acolle a Noite dos Naufraxios, unha representación teatralizada do acontecido na traxedia do Serpent. É unha actividade puntual que se adoita realizar nos meses de verán, previo pago de entrada xa que o aforo é limitado.
Outra actividade moi ligada aos naufraxios é a que se realiza nas Festas do Carmen en Laxe, onde se fai unha escenificación dun naufraxio no porto. Hai que sinalar que este evento non ún unha actividade orientada ao turismo, senón que é unha homenaxe que as xentes do mar fan á súa Virxe do Carmen, polo que o máis importante non é tanto que visitantes e turistas atopen entretida a representación coma o sentimento colectivo local.
Pra rematar este apartado temos as exposicións sobre naufraxios, algunhas de carácter puntual e/ou itinerante e outras permanentes. Museos e Centros de Interpretación do Mar ou da Pesca hai uns cantos en Galicia, e sería pouco razonable mencionalos todos neste artigo. Tocante a naufraxios hai dous que consideramos especialmente interesantes: o Centro de Interpretación da Batalla de Rande (Meirande, Redondela) e o Centro de Interpretación dos Naufraxios do Faro Vilán (Cabo Vilán, Camariñas).
Faro de Sálvora. Fotografía do
de Pablo Mariño (Bluscus. Turismo Marinero)
Actividades en Embarcación
Hai varias entidades que realizan rutas naúticas por espazos onde houbo naufraxios. De feito o raro que haxa unha navegación en Galicia que non pase por un naufraxio, mais aquí imos poñer o foco naquelas actividades onde os naufraxios son o centro temático.
Dentro do Parque das Illas Atlánticas temos un dos maiores episodios de heroicidade dos naufraxios en Galicia na pequena Illa de Sálvora, onde o comezo de ano de 1921 foi dramática. O barco de pasaxe Santa Isabel afundiu moi preto do faro de Salvora e máis de 200 persoas morreron, unhas afogadas e outras polas embestidas das ondas contra as rochas nunha noite de temporal que aínda puido rematar peor se non fose pola intervención das chamadas Heroínas de Sálvora, mulleres que arriscaron as súas vidas para salvar a cantas persoas puideron vogando nas súas dornas. Hai varias empresas que realizan viaxes guiadas a Sálvora para grupos como Volta Montana, Mar de Aguiño o Cruceros do Ulla. Iso si, é aconsellable evitar os meses de verán para desfrutar da illa con algo de tranquilidade.
Tamén no Parque das Illas Atánticas, mais deste volta na zona sur, O IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) adoita organizar as chamadas Xeiras do IEM, e nos últimos anos unha delas leva por título "Xeira nocturna polo mar de Baiona: Toponimia, talasonimia e naufraxios", na que xa o nome o di todo. Na propia páxina web desta asociación hai unha opción para solicitar que envíen ao correo electrónico o calendario de xeiras e así non estar pendentes de cando saen. Aviso: as prazas voan.
Outra opción, desta volta dende Vigo, é a bordo do barco Nautilus da empresa Ocean Secrets. Esta embarcación está dotada dunha virguería tecnolóxica digna de coñecer: a través dun robot submariño, o Nemo -xa imaxinades en que libro de Verne se inspiran, non si?- podemos observar o fondo mariño nunha pantalla de alta resolución mentres estamos comodamente sentados/as a bordo da embarcación. Para que nos fagamos unha idea, o Nautilus está concebido como un barco científico, así que tanto podemos facer un percorrido dentro das súas rutas habituais como solicitar unha específica para ver algo concreto dentro da Ría de Vigo.
Actividade Subacuáticas
Si, en Galicia pódese facer buceo para ver pecios en vivo e en directo!!! Claro, non calquera pecio se pode visitar e moito menos podemos pretender que unha persoa sen ningunha experiencia en buceo faga unha inmersión de 20 metros, pero hai algunhas propostas que non requiren dunha grande preparación física.
Con sede en Vilagarcía de Arousa, Náutica Medusa funciona como tenda e centro de buceo, polo que os seus servizos abranguen dende bautismos de buceo ata inmersións para visitar diferentes pecios, entre eles o do Santa Isabel en Sálvora, do que xa falamos antes. Podedes coñecer un pouco máis deste pecio nesta ligazón do programa da RTVG Buscadores de Naufraxios.
Outra opción, desta volta dende a Costa da Morte con Buceo Malpica. Neste caso o pecio a visitar é o do Solway. Aínda que non hai saídas regulares, podedes consultar datas e prezos a través desta ligazón web.
Por certo, isto do turismo de naufraxios non é nada innovador, velaí unha imaxe coas excursións que se facían no 1925 dende A Toxa a Sálvora con motivo da traxedia do Santa Isabel.
Fotografía do Boletín da Exposición do Santa Isabel en Cambados, comisariada por Celestino Vieitez Arizaga (Cambados, 1-20 outubro 2019).
Queres escoitar o audio sobre Turismo de Naufraxios? Pois preme nesta ligazón para acceder á sección de turismo do programa Día a Día da Radio Municipal de Tui