SÁLVORA: O XOGO

27.11.2023

O patrimonio pode ser transmitido de moi diversos xeitos. O xogo é un deles, e neste caso concreto optamos por un xogo de mesa: SÁLVORA

Sinerxías que ten a vida, colaborando con BRAZOLINDA acabamos de editar o xogo SÁLVORA nun formato completamente novo para BUGUINA TURISMO CULTURAL, EDUCACIÓN E INTERPRETACIÓN DE PATRIMONIO.

O naufraxio do SANTA ISABEL e o rescate posterior no que as HEROÍNAS DE SÁLVORA protagonizaron un feito memorable que quedou reflectido nos xornais da época son o cerne deste xogo de mesa. É un tema do que existen moitas publicacións, mesmo documentais e ata un filme que a partir do contexto desenvolve unha trama de ficción. De feito hai tanta información que un búsqueda simple abonda para decatarse que hai diferentes versións que adoito entran en contradiccións. Nós o que pretendemos con este xogo de mesa é facer unha homenaxe ´ás xentes do mar e á súa capacidade para afrontar algo tan duro coma é un naufraxio a través desde feito histórico no que mulleres e homes de ´Sálvora non dubidaron en coller as súas dornas e saír a un mar bravo para rescatar ao maior número posible de persoas, arriscando ás súas propias vidas.

SÁLVORA é un xogo cooperativo no que poden participar dende 1 a 4 persoas e no que o obxectivo é rescatar ao maior número de náufragos do SANTA ISABEL. Para iso hai que porse no papel das HEROÍNAS DE SÁLVORA e partindo da Area dos Bois vogar ata o punto do naufraxio ou optar por facer o longo percorrido ata Ribeira e así dar aviso para que o barco ROSIÑA, de maior porte, poida navegar ata o Arquip´élago de Sálvora e axudar no salvamento. As cartas aportarán elementos pequenas sorpresas, algunhas agradables e outras non tanto...

Elaborando o xogo fomos compilando documentación do máis variado, e pensamos que unha vez que tiñamos feito este traballo, sería unha mágoa que iso ficase nos nosos arquivadores e discos duros. Así que velaí unha serie de materiais por se queredes saber un pouquiño máis do naufraxio do SANTA ISABEL e as HEROÍNAS DE SÁLVORA.