REPERCUTE O CORONAVIRUS COVID-19 NO TURISMO?

02.03.2020

Nos últimos días o protagonista da actualidade está sendo o coronavirus Covid-19, e as repercusións que está tendo a nivel de turismo son evidentes: cancelacións de eventos internacionais, cancelacións de viaxes, baixada das reservas... ata onde pode repercutir unha pandemia coma esta?

O primeiro nestes casos sempre é ter claro onde atopar información fiable tocante ao que é o axente infeccioso e o seu modo de acción. Para iso podemos recurrir a dous organismos, un de carácter internacional e outro estatal. A nivel internacional a páxina web da Organización Mundial da Saúde (a OMS ou WHO -siglas en inglés-), e no caso de España contamos co Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, que depende do Ministerio de Sanidade. Probablemente o seu director, Fernando Simón, é un dos rostros que máis veces apareceu nos medios de comunicación audivisuais estes días.

Porén neste blog debemos centrarnos máis no impacto económico que ten e pode ter o coronavirus Covid-19, sobre todo no turismo, sen que iso sexa infravalorar as repercusión a outros niveis da economía (baixa das bolsas, carencias de suministros en determinadas industrias coma o téxtil) e da saúde.

O primeiro evento turístico afectado polo Covid-19 foi o Mobile de Barcelona (Mobile World Congress). Para comprender como afecta un evento internacional destas características, abonda unha cifra: 492 millóns de euros. Son os ingresos previstos para a edición do Mobile de 2020, unha cantidade que asusta. No 2019, o gasto en restauración e actividades de lecer foi de 117 millóns de euros e esta é unha cantidade bastante preocupante, xa que grande parte das mercas de alimentación e bebidas xa estaban feitas cando se cancelou o evento.

Agora mesmo a preocupación é considerable no sector turístico, xa que a Semana Santa xa comezou a notar unha baixada no nivel habitual de reservas, e neste caso estamos a falar dunhas datas que afectan a moitísimas localidades de España. Só en Sevilla os ingresos da Semana Santa representan uns 400 millóns de euros. Se comezamos a sumar o que pode implicar para tódalas localidades que teñen un movemento turístico importante nestas datas sinaladas, as cantidades poden ser descomunais. Por iso dende o Ministerio de Sanidade están sendo moi cautelosos á hora de prohibir eventos onde haxa aglomeracións de varios milleiros de persoas, como poden ser a propia Semana Santa, partidos de fútbol con moito público ou as Fallas de Valencia.

Imaxe da Semana Santa en Sevilla. Fonte: wikipedia

Onde se está vendo outra repercusión turística que é importante pero que potencialmente pode ser aínda maior? Nas reservas de vacacións de verán. Aquí entra todo, dende o gasto turístico dentro do territorio estatal coma os transportes internacionais e as viaxes que se ofrecen a través de axencias de viaxes.

Sempre que teñamos dubidas á hora de facer viaxes internacionais, o máis lóxico e consultar a información que ofrecen os consulados de España a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación. Por exemplo, se temos unha viaxe a Italia nas vindeiras semanas, aconsellamos ver a información do Consulado de España en Italia, para ver cales son as restriccións en cada rexión e facernos unha idea do que nos podemos atopar.

A nivel local e comarcal, no Baixo Miño é probable que este tema do coronavirus Covid-19 non vaia a afectar moito ás reservas nin ao número de turistas e visitantes, xa que somos un destino no que o turismo se despraza moito en coche, fai plans con pouca antelación e tende máis á espontaneidade e a improvisación. Se cadra o Camiño de Santiago si pode ter un baixón a nivel de peregrinos/as estranxeiros/as mais aínda é algo cedo para poder facer valoracións. O que si pode ser determinante é irse actualizando, por exemplo participar en foros do Camiño para informar de cal é a situación nas localidades do Camiño de Santiago, indicando os casos que se identifiquen de contaxio por Covid-19 e transmitindo transparencia e sensación de calma.