PATRIMONIO E RECURSOS TURÍSTICOS
Os recursos turísticos son aqueles elementos (espazo, obxecto ou ser vivo) que fan que un destino xere demanda turística, é dicir, que sexa de interese para un número significativo de turistas e visitantes. Hai moitos elementos patrimoniais -patrimonio cultural e natural- que son recursos turísticos, mais tamén hai outros moitos que non o son... nin teñen porque selo. Por exemplo, un xacemento arqueolóxico soterrado pode ser un elemento patrimonial cultural moi interesante, pero se non se estudia e non se pon de valor, non é un recurso turístico. Potencialmente pode selo, si; pero non o é.
Hai varios posibles motivos para que un recurso turístico potencial non xere demanda turística:
Que non sexa coñecido polos/as turistas.
Que non estea nas condicións axeitadas para o seu aproveitamento turístico (que o estado do recurso non facilite que sexa visitado).
Que o acceso sexa malo ou complicado (que non haxa transporte ou estea mal sinalizado).
- Que se trate de un recurso con escasa ou nula capacidade de xerar demanda.
Hai diferentes criterios para clasificar recursos turísticos:
Atendendo ao seu poder de atracción:
- Recursos Turísticos Básicos. Aqueles que por si sós son capaces de motivar un desprazamento, é dicir, ás persoas viaxan ata ese lugar para visitar ese recurso concreto. Por exemplo: a Catedral de Tui ou o Monte Santa Trega.
- Recursos Turísticos Complementarios. Aqueles que non son Básicos pero que, combinados con outros recursos, complementan a oferta turística.
Atendendo a tanxibilidade:
- Recursos Turísticos Materiais: aqueles que son tanxibles. Dentro destes hai os Territoriais (por exemplo, unha ponte) e os Non Territoriais (por exemplo, unha colección de sambenitos).
- Recursos Turísticos Inmateriais: os que son intaxibles. Por exemplo, o clima.
Atendendo
á súa natureza:
- Recursos naturais ou paisaxísticos (praias, volcáns, montañas,
lagos...).
- Museos e manifestacións culturais históricas (museos, centros de interpretacións, monumentos artísticos, obxectos de arte...).
- Folclore e tradicións (música e danza tradicional, artesanía
característica, gastronomía...).
- Realizacións técnicas, deportivas, científicas o artísticas (turismo industrial, zoolóxicos, acuarios, obras de enxenería, parques temáticos...)
- Eventos programados (festas, feiras, festivais...).
O máis habitual é combinar diferentes criterios para crear unha clasificación de recursos turísticos. Hai algunhas clasificacións que son moi simples e outras máis complexas. En función do número de tipo de recursos turísticos podemos escoller os criterios que máis se adapten. O importante é ter claro cales son as categorías, os tipos e os subtipos.
Clasificar recursos turísticos ten múltiples utilidades pero hai unha directa que é básica para a xestión dun destino turístico: dispor dun Inventario de Recursos Turísticos. Este tipo de inventario está composto polo conxunto de recursos turísticos que a través de cadansúa ficha recolle unha análise real da área de xestión da que tratemos. Un erro excesivamente común é confundir un inventario de recursos turísticos cunha listaxe de elementos patrimoniais. A que nos pode levar este erro?
Análise errónea da realidade.
Deficiencias nos servizos de información turística.
Carencias na xestión do turismo.