HURTIGRUTEN: A VIAXE EN BARCO MÁIS FERMOSA DO MUNDO

11.11.2019

A prestixiosa guía "Lonely Planet" calificou a esta viaxe en barco pola costa de Noruega como a máis fermoso do mundo... e razóns non lle faltan para calificar deste xeito a unha travesía que leva funcionando máis de 125 anos.

Probablemente cando Richard With zarpou o 2 de xullo de 1893 de Trondheim a Hammerfest a bordo do Vesterålen, non sospeitaba que esa ruta marítima que comunicaba o centro e o norte de Noruega chegaría a ser o que hoxe se coñece como Hurtigruten (en noruego, a "Gran Ruta"), unha singradura dende Bergen ata Kirkenes que se a traducimos a cifras poderiamos resumila en:

  • 34 portos.
  • Máis de 100 fiordos.
  • 7 días de travesía (só ida).

Noruega é un país digno de ser visitado pola súa natureza, onde os fiordos son os principais protagonistas, agás na época de inverno cando a Aurora Boreal (Nordlys) adoita agasallarnos co seu incrible espectáculo de cores e formas. Tamén é un país con moitísimos quilómetros de costa (a liña de costa é de máis de 21.000 km, pero se contasemos só os mares aos que dá, serían uns 2650 km... vaia, que percorrer a costa leva tempo!!!).

Hai que ter en conta que hai diferentes tipos de pasaxe dentro do Hurtigruten, xa que por unha banda temos o uso turístico e por outro o transporte local. Para entendernos, é como se xuntasemos nun barco o transporte de rías (tipo Vigo-Cangas) co de Cíes, e nel atopariamos xente que se despraza para ir traballar, estudar ou facer compras con turistas. Isto confire á ruta un ambiente moi curioso, sobre todo nas zonas onde o único transporte público é o barco (zona costeira do norte de Noruega) porque ao mesmo tempo ves subir un grupiño de estudantes coa súas mochilas e un grupo de turistas xaponeses que reservaron un camarote de luxo.

O Hurtigruten é unha moi boa oportunidade para desprazarse pola costa noruega, evidentemente non é barato porque estamos a falar dun dos países máis caros do mundo pero unha viaxe media dunhas 8-10 horas pode rondar os 80-90 euros e che permite percorrer uns 300-350 km por paisaxes moi fermosas. De ter que escoller unha zona da ruta, sen dúbida sería as Illas Lofoten, dentro do Círculo Polar Ártico, porque hai unha chea de pequenos portos moi xeitosiños que conservan moi ben a arquitectura tradicional e mesmo os secadeiros de peixe, normalmente bacallau.

Iso si, se consultades o web oficial de Hurtigruten poderedes atopar un montón de cruceiros e opcións, e ollo porque en función da lingua que seleccionedes non sempre aparecen tódalas posibilidades de billetes, así que o normal é que os billetes coas tarifas máis baratas só adoitan aparecen na páxina en noruego... picaresca escandinava, vaia! Por certo, nesa páxina web non hai opción de "castelán" nin "galego", pero existe unha axencia de viaxes que funciona como representante oficial de Hurtigruten na Península Ibérica, que conta cunha web Hurtigruten en castelán. E para rematar, tede en conta que frota do Hurtigruten é grande e variada, así que os prezos poden variar en función do barco que escollades.