GALICIA, UN RELATO NO MUNDO
Nestas semanas o certo é que apetece máis facer actividades a cuberto que ao aire libre, así que a ocasión é perfecta para falar un pouquiño da primeira grande exposición do Xacobeo 2021: Galicia, un relato no mundo.
Trátase dunha mostra que posiciona a Galicia e a identidade galega no mundo, partindo dunha realidade que ás veces non somos conscientes: a ubicación de Galicia nun punto estratéxico das grandes vías de comunicación marítimas. Convén lembrar que xa hai moitos séculos as rutas do estaño xeraban unha ligazón entre Mediterráneo e Atlántico, sendo o Noroeste da Península Ibérica un dos pasos obrigados. O Imperio Romano manteu esa importante relación entre estes dous mundos, eran tempos nos que o transporte por mar en Europa era infinitamente máis importante ca por terra, a pesar das vantaxes das calzadas romanas. A partir do XII Compostela convértese nun referente internacional, e a súa catedral é o máximo expoñente diso... ollo, que en pleno século XXI a vixencia dese Camiño de Santiago segue en activo, mesmo motivando máis peregrinacións que nunca, así que a estratexia de marketing de Xelmírez foi bastante atinada. De feito unha das grandes xoias desta exposición é que podemos contemplar 2 dos 3 códices calixtinos iluminados que hai no mundo (o Liber Sancti Iacobi), cedidos para a ocasión pola Universidade de Salamanca e pola Biblioteca Apostólica Vaticana.
Liber Sancti Iacobi (U.Salamanca)
No mesmo espazo que se atopan estes códices temos outras marabillas, unha delicia de mapas antigos dos que hai que salientar o Mapa de Sawley, un dos primeiros mapa mundi europeos que representa á Catedral de Santiago nun lugar privelexiado. Podemos atopar tamén o Mapamundi do Beato do Burgo de Osma (s.XI), o Ravennate (s.VII) ou o Mapa de Hereford (s.XIII-XIV), que é un dos nosos favoritos.
Mapa de Hereford
O mundo xudeo está presente na mostra a través da Biblia Kennicot, feita en Coruña na Idade Media e que despois de 500 anos volta á terriña, grazas a colaboración das Bodleian Libraries de Oxford.
A emigración, que tanto nos identifica a galegas e galegos, ten un espazo propio. E aí é imprescindible o papel dos colectivos galegos na emigración, que non só foron o piar fundamental sobre o que erguer escolas, pontes ou industrias e novas tecnoloxías que significaron o cerne da Galicia actual, senón que tamén levaron a identidade galega polo mundo adiante. Precisamente a realidade aumentada permete ás persoas visitantes experimentar en primeira persoa ese "viaxe de ida" que forma parte das historias de vida desa Galicia Exterior -iso si, convén preguntar ao entrar o horario no que está dispoñible a parte de realidade aumentada, pois non corresponde con todo o horario de apertura da exposición-.
Así que xa sabedes, non perdades a ocasión de achegarvos antes do 12 de abril ao Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura, Santiago de Compostela) calquera día de martes a xoves, de 10:00 a 20:00. Por certo, a entrade é de balde e tamén hai visitas comentadas (consultar horarios en cidadedacultura.gal)