BARCO ELÉCTRICO FEITO EN GALICIA
Hoxe queremos falar do Xouva, unha iniciativa que é do máis interesante e que paga a pena coñecer e difundir. Trátase dun barco 100% elećtrico que non precisa de ningunha titulación para navegar con el, xa que a súa eslora é menor de 5 metros (concretamente 4,90). Estas 2 características convérteno nunha embarcación perfecta para o turismo ornitolóxico ou o turismo cultural, xa que o motor case nin se escoita. Pero a cousa non remata aí: tamén é accesible para persoas en cadeira de rodas, é insumerxible e pódese levar nun remolque por estrada sen necesidade dun transporte especial.
fotografía do web www.xouvaboats.com
Feito en Galicia pero cunha proxección internacional, detrás desta iniciativa empresarial temos a José Ballester, un enxeñeiro naval galego que apostou por un produto completamenta novedoso neste noroeste peninsular que xa conta cunha unidade operando en Barcelona e próximamente haberá outra nas Illas Canarias.
Hai xa case un ano tivemos a sorte de probar o prototipo na zona de Sanxenxo e Portonovo. A experiencia foi marabillosa, a embarcación é sinxela de manexar e resulta moi cómodo acceder á mesma. Pareceunos moi boa opción para facer pequenas navegacións preto da costa mentres desfrutas dunha breve explicación da zona ou unha boa conversa... cousa que non se pode facer en actividades con embarcacións con motor de combustión desas dimensións.
Durante os últimos meses o Xouva presentouse en diferentes espazos non só por Galicia, senón que tamén estivo na Semana Europea da Mobilidade en Bilbao, no proxecto Capiten con Agan+ ou pola costa da veciña Asturias (Villaviciosa).
Esta embarcación pode ser unha moi boa opción para algunha empresa de aluguer de embarcacións e, sen dúbida, debería ser o modelo de barco que se empregue en proxectos que se desenvolvan desde administracións. Se realmente se pretende apostar por un turismo naútico sostible, o Xouva é unha embarcación que reúne tódolos requisitos e ademais está feito en Galicia, que máis de pode pedir?